23/07/2006

Burbulla inmobiliaria

Que a burbulla inmobiliaria perderá fol xa só algúns inxenuos o dubidan despois das múltiples e serias advertencias do FMI, BCE, The Economist, Financial Times, Morgan Stanley, BBVA, Colexio de Arquitectos, etc.

Varios informes do Ministerio de Vivenda desvelaron en xullo que o prezo da vivenda creceu a metade do que crecía e probabelmente esta estatística sexa demasiado optimista e pretenciosa visando dar folgos a unha suposta cómoda aterraxe inmobiliaria.

A xente endebedouse para mercar vivenda a prezos exorbitados nun dos paises con máis espazo libre da UE, sen estudar a posterior productividade da compra e ouvindo unha cantidade noxenta de casos de marbellización. Toda a rendibilidade se asociou aos prezos de mercado, coma fixeran os malpocados das estampiñas. Agora, con tipos de interese alcistas o mercado inmobiliario ameaza conxelarse.

O cambio de paradigma estrutural tardará aínda un aniño mas xa é inevitábel: se haberá ou non cómoda aterraxe é a única dúbida. O seguinte posible paso xa todos o vimos no Xapón. O sistema financeiro español é mais sólido do que o xaponés, mas a nosa economía está menos diversificada e temos un elevado défice tecnolóxico-comercial. Estábamos a solucionar os nosos problemas índonos de compras a crédito.