15/07/2006

UNED en galego, por que non?

Xa levo varios anos estudando na UNED (A Universidade Nacional de Educación a Distancia, esa grande descoñecida).

Como aluno galegofalante encóntrome coa desvantaxe de non poder acceder a practicamente ningunha documentación (académica ou burocrática) en galego.

Alén diso, en non poucas ocasións me encontrei coa curiosidade de que no Centro Asociado no que estou matriculado, apesar de ser un centro galego e cofinanciado pola Xunta de Galiza, nin me responden en galego nin é posíbel encher a maioría dos seus papeis (incluso papeis de uso interno) en lingua galega.

Moitas veces coidei que estas pretensións serían parvadas da miña mente galeguista pero descubrín que a Open University do Reino Unido non só oferece a posibilidade de ter toda a documentación en galés senón que é perfectamente normal facer os exames en galés e é posíbel receber titorías en galés na sé de Cardiff.

O galés é apenas manexado por un 20% do povo galés mas fiquei sorprendido pola excelente tolerancia británica polo galés.

A UNED é unha idea maravillosa (estudar nunha universidade móvel), una universidade proletaria, a que ten mais currantes enrolados, que contribúe dar estudos aos que non temos tempo ou recursos para deslocarnos a unha universidade full-time. Mas tamén estou certo de que a UNED pode facer moito máis por aproximarse aos estudantes. Neste caso a miña proposta é que a UNED debería ser unha reflexo da diversidade lingüística e cultural dos seus alumnos.

Faría sentido usar só o castelán nos centros asociados de Viveiro, Foz ou A Rúa onde o 100% dos alunos son galegofalantes? Aplaudo a xenial idea de poder estudar galego a través do Centro de Linguas da UNED mas o que se pide é facer normal o uso do galego por parte dos galegofalantes na UNED en lugar de entender o galego como se fose latín.

Caso de non escoitar aos alunos, que son os que pagan, á UNED pasaralle como coa UOC (Universidade Oberta de Catalunya), que soubo encontrar o seu oco no mercado educativo e agora está a supor unha durísima competencia en Cataluña, Valencia e Baleares.