25/08/2006

A Galiza e o Silicon Valley

Mapa coas actividades do Silicon Valley e arredores, California.

O urbanismo ten unha influencia maior sobre a economía do que sospeitamos mas non sempre o que parece obvio é certo: cidades demasiado ordeadas poden resultar perxudiciais para a criatividade empresarial. Podemos tomar o exemplo californiano do Silicon Valley, a rexión máis productiva do mundo que anteriormente era un deserto, e aplicar estas leccións á Galiza.

Segundo o programador e escritor americano Paul Graham as cidades deberían investir máis na universidade e menos en urbanismo. Un argumento duro, sen dúbida, mais ten o seu ponto de verdade. Básicamente a tese é que o Silicon Valley se formou grazas á personalidade do lugar e ás grandes universidades (Stanford e Univ. de California) que souberan atraír a un tipo de traballador altamente criativo: o nerd.

Xa Guy Kawasaki advertía de que cidades demasiado lindas son ideais para os turistas mas non para os emprendedores (o que en palabras de miña avoa podería resumirse en: isto é bo só para os turistas!). O mesmo autor advirte de que a maioría de start-ups son ideas de enxeñeiros e de científicos, non de MBAs, e que deberíamos centrarnos máis en fomentar unha educación tecnolóxica do que escolas de negocios.