20/09/2006

Ibarra acertou co software libre

Se ben Rodríguez Ibarra representa a vella garda dun socialismo demodé, hai que recoñecerlle o mérito de loitar polo mellor para a súa terra. Errou no obxectivo da súa xenreira: non debería ter ollado tanto para Cataluña, senón tamén para a máis próxima comunidade do oso, que alén de ser a máis rica de todas, é a que empregou a meirande parte do PIB estatal en remozar as súas autovías, estacións de tren e aeroporto.

Apesar dos erros, hai unha cousa pola que merecería especialmente ser louvado pola modernidade. A Extremadura leva varios anos fomentando o software libre (open source) con suceso. Hoxe en día é a administración da UE menos dependente do software comercial con copyright (enténdase principalmente Microsofte e a ditadura do Windows, Word, Explorer, etc). A súa distribución do sistema operativo aberto e gratuito Linex está ben estendida no eido académico, incluso a nível estatal. De facto, IBM anunciou recentemente o estabelecemento dun grande centro de producción de software en Badajoz.

Certo é que a Extremadura continúa a ser a comunidade máis pobre mas recurtou distancias grazas ao salto tecnolóxico e sentou as bases para aspirar a un futuro mellor.

Oxalá que a chegada do supercomputador Finis Terrae ao CESGA e os novos mestrados e doutorados sirvan de revulsivo para saírmos do modelo económico do cemento e apostar dunha vez polo valor engadido da nosa incipiente industria tecnolóxica.