19/02/2007

Freshbanking e outras melodías

Dado que nos vindeiros anos todos os produtos financeiros estarán suxeitos aos mesmo impostos, o 18%, as contas de depósito-aforro están de moda e empezan a invadir os espazos publicitarios. Unha das mais populares vén sendo a conta laranxa do ING Direct; esa que nos viña anunciando antes Matías Prats como o "non vai mais" co seu 3% de interese.

A publicidade inflúe tanto que ate un técnico que veu amañar uns PCs na oficina tiña o politono do freshbanking. E mesmo o outro día topeime cunha pícara que camiñaba distraída asubiando o Adelante, ese grande hit do BBVA para OT. Calquera que teña sido cliente do BBVA saberá da maravillosa experiencia que é solicitar unha tarxeta de crédito nese banco que promete "facer os teus soños realidade".

Ben, pois na semana pasada constatei que existe polo menos un freshbanking galego: unha entidade daquí que dá un 3.50%, sen comisións e tamén case sen publicidade. Seguro que hai mais mas isto amostra que os bancos e caixas mellor farían aforrando en musiquiñas e adicándose aos clientes, que a fin de contas somos os que lles confiamos os cartos.