26/03/2007

A irritación de Martin Varsavsky

O emprendedor e filántropo Martin Varsavsky vén de encabuxarse porque, tras criticar o sistema de ensino español como fornecedor de mileuristas, non tardaron en agromar os tradicionais xeitos hispanos de discutir as cousas.

No fundamental coincido co que di Martin; o ensino de habilidades básicas como emprender, comunicar, liderar ou saber vender[-se], especialmente no ensino galego, é moi mellorábel. Botando unha ollada ao ranking de universidades públicas do xornal El Mundo é certo que o resultado non é para fachendear:

14-Univ. da Coruña
22-Univ. de Santiago de Compostela

34-Univ. de Vigo


Só figuran no top five das mellores carreiras Educación Física (UDC), Políticas (USC), Farmacia (USC), Hispánicas (USC), Enx. Camiños (UDC), Enx. Química (USC) e Enx. Telecomunicacións (Vigo).

No entanto, non estamos a pedirlle demasiado á universidade? Cústame crer que un estadounidense pasase o periodo de proba na kafkiana selva empresarial galaica. O caso da BluSens, empresa ideada por un recén licenciado da USC, é mesmo un caso heroico. Se non temos mellores salarios tamén é porque o noso herdado caciquismo, en todas as súas maneiras, que non premia os mellores, está a frear calquera iniciativa individual de emprendedorismo.

Nota: Imaxe alegórica da realidade laboral galega.