25/03/2009

O exemplo do rexionalismo de Palacios na arquitectura

Antonio Palacios é un exemplo a non esquecer de como chegar a acadar recoñecemento profesional internacional sen renunciar ás orixes. Palacios foi un arquitecto nado no Porriño en 1874 que desenvolveu unha exitosa carreira na que os elementos galeguistas fóronse facendo cada vez máis importantes na súa linguaxe edilicia.

O Pazo de Comunicacións de Madrid (arriba) foi o proxecto que lle deu sona. Os madrileños da época rebaptizarono con certa ironía como a catedral de Nosa Sra. das Comunicacións polo seu elevado orzamento. O edificio adianta xa unha mestura de varios estilos rexionalistas - o barroquismo ornamental no granito da arquitectura popular pontevedresa, o gótico leonés, o neomedievalismo de Viollet Le Duc... - e de elementos de vangarda como a arquitectura modernista de Viena e Chicago de comezos do XX.

Dúas circunstancias históricas axudan a unha progresiva galeguización da obra de Palacios: o ambiente cultural do movemento galeguista da época (Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos, Grupo Nós, ...) e a súa actividade privada como pintor en relación cun grupo de pintores - entre os cales Álvarez de Sotomayor e Francisco Llorens - que desde o Círculo de Belas Artes situado a poucos metros do Pazo de Comunicacións tentaban definir una plástica peculiarmente galega. E así participa na I Exposición de Arte Galego en Madrid alá polo 1912.

Aínda que a influencia do rexionalismo galego en elementos arquitectónicos concretos e explícitos da súa obra non é doada de sinalar porque Palacios buscaba afastarse dun pastiche de enxebrismos de mal gosto, en todos os seus proxectos é evidente unha permanente e imaxinativa toma de formas, policromismo, distribución en planta, solucións estruturais e materiais tanto do pazo tradicional como da arquitectura eclesiástica medieval e barroca da Galiza e Norte de Portugal.

O que xa non moitos madrileños saben é que as entradas de metro (abaixo) e mesmo boa parte das instalacións que lle confiren ese deseño distintivo ao subterráneo de Madrid foron tamén deseñadas por Antonio Palacios usando no caso das bocas como inspiración a forxa artesá do ferro.

A súa adopción do rexionalismo arquitectónico propiciou a amizade con Castelao e sobre todo con Valentín Paz Andrade, se ben as súas inclinacións estéticas e culturais non chegaron a callar nun ideario político galeguista dado que o arquitecto procuraba algo así como un panrrexionalismo hispano.

Na Galiza, algunhas das súas mais senlleiras realizacións foron o Teatro García Barbón de Vigo (hoxe Centro Cultural Caixanova, abaixo), a Casa do Concello do Porriño, a Igrexa de Vera Cruz no Carballiño, o Templo do Mar en Panxón e a Virxe da Rocha en Baiona.


A historia de Palacios garda un aquel coa de Antoni Gaudí e debe facernos ver nestes tempos grises e de macdonalización que se pode ser verdadeiramente global revitalizando, ou polo menos non renunciando, á propria identidade cultural de orixe.