16 de ago. de 2009

A empresa democrática

"Se a liberdade significa algo é o dereito a dicir o que aos demais non lles interesa ouvir" - George Orwell.

"Con suficientes ollos ningún erro é invisíbel" - Linus Torvalds.

Cando os colegas discutimos como se debería xestionar unha empresa ou un proxecto, e é bastante habitual que estas discusións deriven no eterno debate entre creatividade e productividade, sempre levo en mente moitas das leccións do brasileiro Ricardo Semler. A primeira vez que lin o Virando a própria mesa certamente coidei que o autor sería algún falabarato sen responsabilidades reais -talk is cheap!- pero cando souben que as súas ideas foran implantadas na Semco, a empresa de bombas de São Paulo que preside, entón comecei a tomar o seu discurso de liberdade no traballo un pouco máis en serio.

A idea principal de Semler é que a se democracia e a liberdade son a base das sociedades máis xustas e prósperas - e mesmo estamos dispostos a exportar a nosa "democracia occidental" a ferro e fogo - as empresas máis eficaces serán analogamente aquelas que teñen un funcionamento verdadeiramente democrático. De feito, na Semco os empregados teñen a maior parte da propiedade da empresa, escollen os seus novos compañeiros e xefes, e votan os productos que cren que terán mellor futuro para a empresa.

Sen embargo, con esta crise o que non está precisamente en crise son os sistemas de vixilancia e seguemento aos empregados: tornos, tarxetas de seguridade, vixilantes con porra, alarmas, proxies e monitorización da rede de ordenadores, circuitos internos de televisión e mesmo detectives facéndose pasar por clientes. O resultado soe ser mais de media hora perdida cada día en darse conta de que o posto de traballo xa non está nun edificio intelixente senón que se ubica no cuartel xeral da OTAN ou algo así. E así en lugar de poñer os ollos en mellorar os erros do traballo feito, póñense miles ollos humanos e electrónicos para controlar se fulano tomou un café de máquina por mais de quince minutos ou se mengano ten a vexiga frouxa.

Especialmente nos traballos mais intelectuais, naqueles que producen un servizo froito da actividade dos miolos (p.ex. o ensino, a consultoría, o xornalismo, o desenvolvemento de software, a investigación, a literatura, o deseño industrial, etc...) a liberdade e a democracia na organización son a mellor vantaxe competitiva. As figuras autocráticas, pequenos dictadores con ganas de controlalo todo, tenden a rodearse de xente que saiba comer e calar e por esta ausencia de revisión e crítica do traballo é mais probable que estes grupos cometan mais erros. A empresa democrática implica horizontalidade e tamén esixe que o empregado saiba mais e mais de todo, que saiba comunicar as súas opinións e que se molle coas súas decisións.

Foto: Ricardo Semler, The maverick CEO, BizEd.

Ningún comentario:

Publicar un comentario