06/02/2010

A era dos parvos con contactos

Nestes tempos que corren semella que calquera imbécil cun portátil e wifi é capaz de parir un blog ou unha web e vender as súas receitas milagreiras 2.0 para saír da crise, a cada cal mais radical e mais neocon, esquecendo a diagnose profunda da crise, isto é, a grande doenza ibérica, a pandemia de estupidez e nepotismo institucionalizados.

Desde Darwin sabemos que compartimos unha orixe común con outras especies e que todas as especies teñen que soportar as súas doses cotiás de medos, mágoas e males. No entanto, os seres humanos teñen a desgraza de ter que apandar co engadido de dores causadas por un grupo de persoas pertencente ao xénero humano. Este grupo é moito mais poderoso que as mafias, os lobbies petroleiro e farmacéutico ou os grupos terroristas internacionais. Non se trata dun grupo organizado, rexido por leis e xefazos, mas actúa en perfecta harmonía como unha forza universal e omnipresente. Trátase do grupo dos parvos, dos estúpidos e dos imbéciles de remate con contactos.

Algúns parvos, como os tradicionais tontos del pueblo, xeran só danos limitados mas hai outros que levados a posicións de autoridade e poder chegan a ocasionar danos terríbeis a comunidades, empresas e sociedades enteiras. As clases e castas familiares, políticas, financeiras, burocráticas, mediáticas e eclesiásticas foron as que permitiron até hoxe un fluxo constante de persoas estúpidas a postos onde se causa o maior dano. Porque os parvos poden ser parvos mas téñense en alta estima e saben que os favores no Sul de Europa compénsanse criando unha montra virtual que cobre da res publica por vender relatorios sen moito fundamento ou vaporware.

Non teño calquera idea de por que funciona ou non funciona a economía mas estou certo de que non será porque xente brillante a estea a dirixir. Se se suman todas as decisións económicas e empresariais absurdas, nun 10% dos casos as parvoíces poden chegar a compensarse e mesmo producir algúns resultados razoábeis. Os restante 90% dos emprendimentos empresariais fracasa antes dos dez anos. Este feito proba que a pseudo ciencia económica non pode predecir, da mesma maneira que non pode ser predecido o intre preciso dun terremoto. Con todo, ilustrísimos parvos diplomados continuarán tentando vendernos políticas baseadas en tendencias e futuroloxía.

Ademais, os parvos, na arrogancia epistémica do manichment, manteñen un circo económico, financeiro, educativo e lexislativo tan complexo que xa ninguén é capaz nin de desvendar a estupidez xeneratriz nin de entender nada no medio do barullo de neoloxismos, acrónimos e institucións que certifican o bo que é todo. Isto explica que pasamos boa parte da xornada racionalizando estupideces, tentando aceptar como lóxico o que realmente non o é, falsificando a imaxe para adaptarnos ao mercado, falando en newspeak sen dicir nada, hipnotizados catro horas diarias perante a TV... até que xa non resta mais fume que vender e o xogo de parvos remata con nóminas á baixa, hipotecas sen pagar e un 20% de desemprego.