13 de feb. de 2022

O escritor pantasma

Non é ningunha novidade que moitos libros véndense segundo a sona da persoas que se supón que os escribiron. Con frecuencia o famoso non ten tempo ou vontade de porse perante o teclado. Para resolver estes problemas resulta moito máis habitual do que se cre o feito de pagar a un ou varios escritores anónimos que saben documentarse e teñen o oficio da escrita para producir eses documentos por unha cantidade razoable de diñeiro. O escritor invisible carece de marca pero ten a habelencia precisa para escribir con xeito e por voz a persoeiros, dando un produto aceptable.
Como se pode sospeitar, moitos clientes de escritores pantasma son políticos, deportistas, músicos e homes de negocios, pero, ollo, tamén existen egrexios intelectuais carentes de tempo que son obrigados polas editoriais a escribir artigos de opinión a eito, facer presentacións ou dar discursos floridos en todo tipo de requintados eventos. De feito, houbo escritores ben afamados que estableceron auténticas factorías de relatos para satisfacer a demanda, escritores que non dubidaron en utilizar outros escritores a modo de franquía literaria. Alexandre Dumas tivo ata 63 escritores na súa factoría de relatos producindo así a triloxía dos tres mosqueteiros ou o conde de Montecristo. Tampouco debemos alporizarnos, na actualidade, onde calquera comunicación empresarial ou política, calquera serie de televisión ou calquera youtuber ten detrás un equipo agochado que se documenta e marca o argumentario. E isto seino, porque no seu momento eu tamén servín de man negra dos que podían pagar os meus servizos de xuntar letras.